Da man da Carapuchiña Vermella

REVISTA LUZES Nº40 – Marzo 2017 / O pobo elexido

marc taeger2016-400

Marc Taeger – Berna (Suiza),1963
Pasou a súa infancia entre Italia, Portugal, Alemaña e España. Estudou deseño Gráfico e Ilustración na Escola Superior de Comunicación Visual de Tréveris (Alemaña). Actualmente vive en Bueu onde traballa  como ilustrador para publicidade, editoriais e prensa. Ten realizado exposicións en Barcelona, Madrid, Santiago de Compostela, Paris, Luxemburgo, San José de Costa Rica e Shangai. Ten varios premios, entre eles o Premio Daniel Gil de ilustración e dous premios LAUS, que concede a Asociación de Deseñadores Gráficos de España.

65abril bañera400NON O RECORDO MOI BEN… Algo me contaron. Corría o ano 1963. Era un domingo de madrugada cando o coche cruzaba un paso a nivel en Emmental a toda velocidade. O vehiculo deu un gran chimpo, os ocupantes sobresaltáronse e eu case nazo ali. Pero viñen ao mundo algo máis tarde, co cordón umbilical a modo de gravata.
Entón viviamos en Nápoles. A miña nai volvera a Suiza para dar a luz ao seu primoxénito na casa. Despois mudámonos a Alemaña e máis tarde a Portugal para acabar en Barcelona. Entón eu tiña xa 12 anos. Din que sempre me gustou debuxar. E ségueme gustando. Para aprender a facelo mellor fun estudar Deseño Gráfico a Tréveris, una pequeña vila milenaria de Alemaña. Aínda que os ordenadores comezaban a invadir oficinas e fogares, aquela escola non dispoñia de medios tecnolóxicos, pero tiñan un taller de imprenta impresionante e un profesorado da «vella escola». O de debuxo só utilizaba restos de lapiceiros que medían 3 centímetros e ensinoume a prescindir da goma de borrar. Outro mestre, un señor elegante de idade avanzada e pulso firme levaba sempre un estoxo con catro plumiñas e un pequeño frasco de tinta chinesa que gardaba no peto interior do seu chaleco. Cando sentaba comigo na mesa e empezaba a trazar liñas parábaseme a respiración da emoción ao ver aparecer na folla esas preciosas letras caligráficas. Unha arte case imposible para un zurdo que sempre esborranchaba todo ao pasar a man polo escrito. Unha profesora polaca fixome entender que ilustrar non significa decorar libros, senón que serve para contar as cousas que non están escritas, o que se agocha entre liñas. Os anos tolos de estudante remataron co traballo de fin de curso, a diplomatura: ilustrar O Quixote! Case nada! Non tiña moi claro como abordar algo que xa fixeran antes Doré, Picasso, Saura, Dalí e tantos outros. Pero foi o propio e enxeñoso fidalgo de triste figura quen me deu a clave. Había que improvisar, sacar proveito dos medios dos que dispuña: asi descubrin que con Tippex, bolígrafos e papel Kraft podíase facer un traballo que merecería unha matrícula de honra. E por riba paseino xenial.

olivava_taeger400Volvín a Barcelona e empecei a traballar como ilustrador. Cheguei a ver os meus debuxos en portadas de revistas, en paneis publicitarios, camisetas, murais de tendas e como animacións na televisión. E mesmo puiden atopar algún traballo meu nos xornais tirados no chan cando a porteira pasaba a fregona. O traballo e as exposicións leváronme a moitos lugares: París, Shangai, Brasil, Sri Lanka, México, Costa Rica… Ata que unha editorial galega me encargou ilustrar ‘A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella’ e invitoume a Galicia. Encantoume. A forza da paisaxe, as pedras, o verdor, a súa xente, a comida, o mar bravo, a retranca, o idioma e o polbo… ai o polbo! Cheguei a pensar o bestias que son os galegos porque ao ver o primeiro hórreo pensei que era unha tumba familiar. E namorei dunha galega, profesora, contacontos e experta en literatura infantil e xa quedei para non marchar.

luces-scan300Ultimamente, traballo sobre todo para o público infantil: ilustrando, acompañando contacontos con debuxos, promocionando a animación á lectura. Fundamos Lobocoxo, un pequeno espazo especializado en libros infantis con contacontos e obradoiros de plástica en Bueu, onde vivimos coas nosas dúas filias.

 

Deja un comentario